Monday 06 de May de 2024

A Xunta impulsa o intercambio cultural e lingüístico de 200 alumnos galegos con escolares das rexións de Hauts-De-France e Bretagne


— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina a estas iniciativas un orzamento total de 80.000€

— O Goberno galego promove tamén o traballo colaborativo entre estudantes de 41 centros da nosa Comunidade e de diferentes países a través do programa ‘EduExchanges’

Un total de 200 alumnos e 20 profesores de 3º e 4º de ESO participarán nos programa de intercambio con alumnado de centros educativos franceses das rexións académicas Hauts-de-France (a través do programa Galimiens) e Bretagne, ambas no país veciño. O obxectivo destas iniciativas, enmarcadas na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingue 2030, é potenciar a aprendizaxe activa da lingua francesa do noso alumnado e mellorar a súa competencia lingüística. Desta forma promóvese a convivencia escolar, lingüística e cultural entre Galicia e estas dúas rexións francesas, tendo en conta o enorme interese que o ensino da lingua, a literatura e a cultura, tanto galegas como españolas, suscitan na rexión francesa, así como a afección pola lingua e a cultura do país veciño no sistema educativo da nosa Comunidade.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina a estas iniciativas un orzamento total de 80.000€. Os centros participantes nestes programas reciben unha asignación económica de 4.000€ cada un para sufragar conceptos varios vencellados á viaxe de intercambio. As persoas coordinadoras do programa en cada centro serán as responsables da actividade de intercambio, tanto no aspecto organizativo como educativo, durante a estancia do alumnado francés en Galicia e a do alumnado galego en Francia. As datas das mobilidades do alumnado a Francia e a Galicia serán concretadas polas persoas coordinadoras de cada centro.

Durante o período de intercambio, o alumnado galego –10 escolares por cada centro– participante no intercambio deberá asistir ás clases no lycée ou collège que lle fose asignado pola Région Académique correspondente e aloxarase na casa dunha familia francesa, e viceversa no caso da estancia dos estudantes franceses en Galicia.

Os centros participantes son os recollidos na seguinte táboa:

Programa Provincia Concello Centro
Bretagne A Coruña Cambre IES Alfonso X O Sabio
Bretagne A Coruña Cerceda CPI Plurilingüe O Cruce
Bretagne A Coruña Malpica de Bergantiños IES Urbano Lugrís
Bretagne A Coruña Oleiros IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas
Bretagne Ourense Ourense IES Universidade Laboal
Bretagne Pontevedra Caldas de Reis IES Plurilingüe Aquis Celenis
Bretagne Pontevedra Cangas IES María Soliño
Bretagne Pontevedra Gondomar IES Plurilingüe Terra de Turonio
Bretagne Pontevedra Redondela IES Mendiño
Bretagne Pontevedra Vigo IES O Castro
Hauts-de-France A Coruña Frades CPI de Ponte Carreira
Hauts-de-France Lugo Burela IES Monte Castelo
Hauts-de-France Lugo Monforte de Lemos IES Francisco Daviña Rey
Hauts-de-France Ourense Ourense IES Ramón Otero Pedrayo
Hauts-de-France Ourense Viana de Bolo IES Carlos Casares
Hauts-de-France Pontevedra Meis CPI de Mosteiro-Meis
Hauts-de-France Pontevedra Pontevedra IES A Xunqueira II
Hauts-de-France Pontevedra O Rosal CPI Manuel Suárez Marquier
Hauts-de-France Pontevedra Vigo IES Alexandre Bóveda
Hauts-de-France Pontevedra Vilagarcía de Arousa IES Castro Alobre

Traballo colaborativo

A maiores, o Goberno galego promove tamén o traballo colaborativo entre estudantes da nosa Comunidade e de diferentes países a través do programa EduExchanges, de intercambio en liña para realizar un proxecto no que afonden no coñecemento mutuo con colexios e institutos estranxeiros.

 

Deste xeito, alumnado galego de 5º e 6º de Primaria, ESO e  1º de Bacharelato de 41 centros galegos participará nesta iniciativa con escolares de Austria, Canadá, Estados Unidos, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía, Suecia e Suíza.

 

O centro educativo será o encargado da selección do lycée ou collège co que realizará este intercambio, que será coordinado por un docente. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades achega un orzamento de 250€ a cada colexio ou instituto por cada un dos proxectos nos que participa, ata un total de 43 iniciativas colaborativas. A relación de colexios e institutos participantes pódese consultar na resolución publicada no Portal Educativo.